Tuesday 30 de April de 2024

Moeche saca a concurso a reparación da pista San Xiao-Vilachave-As Barbelas


O Concello de Moeche acaba de publicar na Plataforma de contratación do Estado os pregos técnicos e administrativos referidos á licitación do contrato para reparar o eixo viario San Xiao-As Barbelas pasando por Vilachave. Son algo máis de 2,1 quilómetros de pista e en todo o trazado farase unha limpeza das gabias que mellore a drenaxe do firme. Nunha segunda fase dos traballos tamén se botará unha nova capa de rodadura ao longo do quilómetro e medio de distancia que separa San Xiao e Vilachave, posto que desde este último lugar até As Barbelas a pista está amañada desde non hai moito. O orzamento de licitación da obra ascende a 28.121,52 euros máis ive, sufragados con fondos municipais e do POS+. As empresas que queiran optar ao contrato poden presentar as súas ofertas ata as 23.59h. do día 15 de novembro.

A pista encóntrase na parroquia de Labacengos, preto xa do límite co concello de Cerdido, e é unha das vías máis utilizadas en Moeche tanto pola poboación da zona como por quen a utilizan como enlace entre a estrada de Ortigueira e a AC-110 -a estrada autonómica que vai ás Somozas- para non ter que ir dar a volta até a Barqueira, co que aforran arredor de dous quilómetros de percorrido.

O tramo norte deste eixo, entre Vilachave e As Barbelas, reparouse hai relativamente pouco e presenta un bo estado de conservación. Por este motivo o Concello decidiu botarlle novo firme asfáltico ao outro tramo, o que vai desde Vilachave a San Xiao -uns 1.500 metros en total-, co que toda a pista contará cun trazado homoxéneo, libre de fochancas e irregularidades.

Ademais, de cara a asegurar que a estrada aguante nas mellores condicións o maior tempo posible, o proxecto inclúe a limpeza das gabias laterais ao longo dos seus 2,1 quilómetros e incluso a instalación de novas tubaxes de evacuación nunha das cotas máis baixas. A finalidade da operación é mellorar a drenaxe das escorrentías para evitar filtracións de auga que acabarían debilitando a base da estrada.

Os traballos que agora saen a contratación están cifrados en 28.121,52 € (ive non incluído). Arredor do 80% do importe de adxudicación financiarase dentro do POS+ provincial, mentres que a cantidade restante será asumida polo Concello con fondos propios. As firmas do sector que queiran presentar ofertas teñen de prazo ata as 23.59h. do 15 de novembro. Os pregos técnicos e administrativos poden descargarse desde a Plataforma de contratación do Estado.